8.11.17

8 de novembro de 2017. Queda inaugurado o curso lector do Vaidelibros de Rodeira.
Alí estabamos os/as habituais do club, falando desta volta de La uruguaya, obra do arxentino Pedro Mairal.
A iniciativa de Rosa González, unha das compañeiras fieis ao club, estableceuse como primeira lectura deste curso escolar esta novela do poeta, novelista e guionista Pedro Mairal. Novela que foi ben acollida, gustou a todos e todas e, como valor engadido, apuntouse o feito de que fose unha obra de lectura relaxada e sen demasiados dramatismos como algunhasvoces apuntan que abundan en boa parte das escollas que levamos feito.
O bo facer na creación do relato literario, o relato en primeira persoa, a linguaxe fluída e o ton coloquial inzado de arxentinismos así como as situacións que se narran, foron os aspectos máis destacados desta obra que, aínda non coa mesma intensidade, si gustou a todos e todas.




17.9.17

O curso que empeza, a biblioteca que reabre







Empeza un novo curso, o curso 2017/2018. Dispoñémonos a afrontar  nove meses de traballo, aprendizaxe, compañeirismo, ... e, para nós, dende a nosa biblioteca, tempo de lecturas, comentarios das mesmas, pescuda de información...
Dende mañá, 18 de setembro, as portas da nosa biblioteca abren para acoller a todos aqueles/as que queirades participar do entretemento en forma de lectura, do estudo e preparación de tarefas, da información a través dos xornais escritos ou da prensa dixital, dos xogos, das películas e tamén para que dispoñades do material que esta ofrece e que podedes disfrutar nas vosas casas.
Os que xa sabedes como vai a cousa, a poñela en práctica, os novos/as, a familiarizarvos con todo o que se vos ofrece.
Empeza un novo curso, o curso da biblioteca do IES de Rodeira.

9.6.16

Feira do Troco 2016

Un ano máis mantemos a fidelidade coa cita do intercambio de libros. Este curso xuntamos uns 40 exemplares para ser intercambiados e  notouse a falta do alumnado de 2º bacharelato que andaban xa enleados na preparación da selectividade.

Non faltaron, unha vez máis, as rosquillas da festa e o ambiente seguiu a ser todo o festivo que se merece a ocasión.
Esperamos continuar con esta festa dos libros que tanto gusta e que, a algúns, este ano, xa lle tardaba!




Os Papalibros len teatro

Nos últimos cursos comezamos a introducir o teatro no club de lectura.
Consideramos necesario  habituar ao alumnado a ler este xénero, para darlles a coñecer os moitos e bos autores na nosa lingua, e tamén  para animalos a asistir a representacións teatrais, que é o obxectivo último da escrita destas obras.



Os Papalibros de 1º ESO leron A noite da raíña Berenguela, do autor santiagués Neira Cruz, publicado en  2005 pola editorial Planeta-Oxford. 

Os alumnos comentaron que non lles foi fácil de ler porque non están habituados a ler teatro; a pesar diso, fíxolles graza a linguaxe dalgúns personaxes como o bispo Xelmírez, moi pendente da súa imaxe; a leal Dorotea, coa súa linguaxe contemporánea, ou o Frei Odranoel, que estaba desexando inventar un ascensor para non ter que subir tantas escaleiras ata a torre onde estaba "recluída" a triste raíña Berenguela. 

                         
                                   


Os Papalibros de 2º ESO leron Ruído nunha noite de verán de María Inés Falconi, unha versión de Soño dunha noite de verán de Willian Shakespeare, publicada polo novo selo da editorial Rinoceronte, Sushi Books.




2.6.16

O Día do Libro na biblioteca de Rodeira

Concurso de fotografía "O libro e a lectura". Gustounos a experiencia do ano pasado e quixemos repetir. E unha vez máis o traballo do noso alumnado non defraudou. Fotos creativas, lúdicas e poéticas que tiñan o libro como elemento central.
As alumnas Valentina Martínez e Laura Rodríguez foron 1º premio nas categorías I e II respectivamente e Rubén Sotelo e Loli Rodríguez o 2º premio na Categoría I e II respectivamente.
Á semana seguinte do fallo do xurado e deste facerse público, procedemos á entrega de premios na biblioteca coa participación de Águeda, a nosa xefa de estudos.

Momento de recollida dos premios do concurso.

Esperamos continuar con esta iniciativa no vindeiro curso e, se cabe, aumentar a participación. 

Ánimo, rapazada.  Facédelo moi ben!

O Vaidelibros coa poesía de Manuel María

Vaise achegando o final deste curso lector e desta volta tocoulle á poesía, xénero que se estrea neste club pero que promete quedar para os cusrsos vindeiros.
O  11 de maio xuntámonos na biblioteca para falar de Manuel María, da súa obra poética e mais para ler algún dos poemas escollidos polos que se prestaron á lectura pública.
Aproveitamos tamén para concretar os pasos do noso roteiro literario-remate curso deste ano que será polas terras habitadas polo poeta chairego: a vila de Monforte.
A estrea co xénero poético deixou bo sabor de boca e todos os presentes apuntámonos a repetir experiencia mesmo cando, segundo manifestación dalgún dos presentes, a lectura da poesía require un esforzo adicional en boa medida pola falta de costume.
Rematamos a sesión co escoita da voz do poeta recitando un dos seus poemas.
Mil primaveiras máis para a nosa lingua, os nosos poetas e as xuntanzas literarias que nos permiten o reencontro e a fala amena.
No comezo da sesión


Lina, unha das habituais do noso club, lendo un poema













25.4.16

Entrada ao xardín do saber, quinta lectura do Vaidelibros

O mércores 6 de abril tocaba dar conta da lectura da última novela do escritor ferrolán Henrique Dacosta, Entrada ao xardin do saber. E unha vez máis tivemos a sorte de contar coa presenza do autor que acudiu encantado á nosa chamada.


                                                  O autor nun momento da charla

Como é habitual nos encontros co autor/a da obra lida, nós fomos falando pero tamén escoitando todo o que autor nos deixou saber da xestación da obra, dos motivos  para escribila, canto hai de ficción ou non no relatado nela, dos múltiples temas que se tocan na obra ...

 
 O grupo de lectores e lectoras do Vaidelibros de Rodeira en escoita atenta

Rematada a charla que pasou case ás dúas horas (que logo se pasa o tempo cando se está en boa conversa e con boa compañía), agasallamos a Henrique cunha acuarela do pintor moañés Lito Portela que representa unha mariscadora das nosas praias do Morrazo.

                                          Posado final co autor, a súa obra e o seu  agasallo

O resultado final de todo isto foi, tamén coma sempre, un alto grao de satisfacción tanto para os asistentes lectores como para o autor. E así o deixou relatado no post do seu blog "Letras para todo o sempre". Deixamos un enlace para os que vos queirades achegar ao mesmo e ler o relacionado coa visita a Rodeira.

http://letras-para-todo-o-sempre.blogspot.com.es/2016/04/entrada-ao-xardin-do-saber-en-rodeira.html